Saltar ao contido principal

Festa do Farol ou de San Martiño

 

Festa do Farol ou de San Martiño


A orixe

Esta festa ten a súa procedencia en países como Alemaña ou Suíza, onde a vivencia do paso do tempo, os cambios de estación e as festividades coma esta están moi presentes.

Celébrase o día 11 de novembro e o seu simbolismo é fermosísimo.

En novembro o outono xa está asentado, os días van sendo cada vez máis curtos, polo que hai un proceso de interiorización e de busca da luz interior importante, que nos acompañará ata que os días volvan medrar.

Esta festa apela a esa busca da luz interior cando a exterior é escasa ou está ausente. O neno, a través do faroliño, represéntaa simbolizando esa luz que nos guía a través da escuridade.

Nas escolas Waldorf, a comezos de novembro comezan a preparar o ambiente para esta celebración. Elaboran os seus propios faroliños e, a través de contos e cancións, vanse preparando para o día.

Existe un conto moi bonito que mesmo se pode representar cun teatro de mesa, que ten a particularidade de empregar figuras que representan cada personaxe e, sobre todo, de captar totalmente a atención dos oíntes. (Tamén me ofrezo para contalo aos pequenos de infantil e do primeiro ciclo de primaria cun conto de mesa).


                                                 Déixovos a continuación O CONTO:


«Había unha vez unha nena que levaba o seu farol brillante e cantaba toda contenta:

—Eu vou co meu farol, e o meu faroliño vai comigo; arriba brillan as estrelas e abaixo brillamos nós.

Entón chegou o vento asubiando e a luceciña apagando.

—¡Oh! —exclamou a nena—. Quen acenderá o meu farol?

Pero, por moito que buscou, ninguén apareceu.

Que é iso que tanto gruñe? É o amigo oso!

—Querido amigo oso, o vento apagoume o farol. Non sabes de alguén que mo poida acender?

—Non che podo contestar, tes outros a quen preguntar. Teño que ir descansar —dixo o oso.

Que é o que esvara pola herba? É un raposo listo e astuto!

—Poderías axudarme a acender o meu faroliño? —preguntou a nena.

O raposo respondeu:

—De aquí tes que marchar, á túa casa tes que chegar. Debo esvarar e observar, axiña un rato quero cazar.

A nena sentou nunha pedra e, chorando, dixo:

—Ninguén me quere axudar? As estrelas escoitárona e, dende o ceo, dixéronlle:

—Ao Sol debes preguntar. El pode contestarche.

Ao amencer, chegou á casiña dunha fiandeira. A nena abriu a porta e preguntou:

—Sabes o camiño ao Sol?

—Teño que traballar —dixo a fiandeira—. Fíos finos teño que fiar. Non che podo explicar nin tampouco acompañar.

E moi triste, a nena camiñou e camiñou baixo o Sol.

Ao mediodía chegou á casa dun zapateiro.

—Bos días, querido zapateiro. Coñeces o camiño que leva ao Sol?

E o zapateiro respondeu:

—Moitos zapatos hai que arranxar. Non hai tempo para repousar. Non che podo explicar nin tampouco acompañar.

E moi triste, a nena camiñou e camiñou baixo o Sol.

Ao serán, chegou a un monte moi alto. Viviría o Sol alá arriba? Pero tampouco o atopou. E, cansa de tanto andar, pechou os ollos e quedou durmida.

O Sol levaba tempo vendo a nena e, mentres ela durmía, inclinouse e acendeulle o farol.

Entón, a nena espertou e exclamou:

—Oh! O meu farol volve brillar!

E, erguéndose, púxose alegremente en camiño. Camiñando e alumando, chegou á casa do zapateiro. O zapateiro estaba triste no seu obradoiro.

—Apagouse o lume, teño as mans ríxidas de frío e non podo arranxar zapatos —díxolle.

—Eu hei acenderche de novo a luz —dixo a faroleira.

O zapateiro quentou as mans e seguiu martelando e cosendo. Camiñando e alumando, chegou á casa da fiandeira.

—Apagouse a miña luz —dixo a velliña—. Xa non podo seguir fiando.

—Eu hei acenderche de novo a luz —dixo a nena ledamente.

O cuarto iluminouse e a fiandeira seguiu fiando finos fíos. Camiñando e alumando, chegou a nena de volta ao bosque. Todos os animais espertaron polo resplandor. O raposiño fociñou e mirou a luz con moita curiosidade. O oso gruñiu e acurrucouse na súa cova de inverno.

A nena volveu alegremente para a casa cantando:

—Eu vou co meu farol, e o meu faroliño vai comigo; arriba brillan as estrelas e abaixo brillamos nós…».













Publicacións populares deste blog

A NENA LECTORA.

 "A nena lectora" é o título do libro que este curso lemos no centro en todos os niveis. O autor , Manuel Rivas, recolle a importancia da cultura como axente transformador da sociedade.  O premio para o alumnado mais participativo foi a excursión a Coruña, visitando a Fábrica de tabacos, onde a protagonista da historia traballou como "nena lectora",  tamén a Casa das Ciencias e o Museo de san Antón. A experiencia foi moi enriquecedora e o alumnado gozou das diferentes actividades realizadas durante a xornada. 

UNHA CANTERA DE ESCRITORAS E ESCRITORES

 

LECTURA O PRINCIPE FELIZ